Concurso fotográfico de la Galipedia, Wiki Loves Parroquias – hasta el 31 de agosto de 2019


Fecha límite para participar: 31 de agosto de 2019. O obxectivo deste concurso é conseguir imaxes libres de tódalas parroquias de Galicia, no momento de comezar esta páxina hai preto de 700 parroquias de Galicia sen foto no seu artigo. As parroquias ás que lles falta foto están recompiladas na páxina Wikipedia:Wikiproxecto fotos de parroquias, e tódolos seus artigos teñen as coordenadas para facilitar a súa busca. Tamén hai dous mapas coa posición das coordenadas das parroquias que faltan, as de Lugo aquí, e as de Ourense aquí.

As imaxes son fundamentais para ilustrar os artigos xa que achegan un alto valor ós contidos, e que cada parroquia de Galicia teña a súa foto é subir un pequeno chanzo no incremento da calidade desta enciclopedia libre.

As imaxes que se procuran son de moitos tipos, o patrimonio de Galicia é infinito, ademais de aldeas escondidas, ou non, hai castros, petróglifos, torres, igrexas, mosteiros, pazos, ríos, regatos, lagoas, fontes, serras, montes, outeiros, fragas, carballeiras, árbores senlleiras, festas, romarías, feiras… Descubre a Galicia máis escondida e amósaa na Galipedia, hai milleiros de fotos que se poden facer!

Neste ano 2019 faise a primeira edición deste concurso, esperamos que a Galipedia se encha de novas fotos para ilustrar os artigos desta enciclopedia libre, que está feita por todos e para todos. Anímate a participar!

Premios

– Primeiro premio: 300 euros
– Segundo premio: 200 euros
– Terceiro premio: 100 euros

Como agasallo sortearanse 20 camisetas de promoción da Galipedia entre tódolos participantes, a talla e a imaxe da camiseta dependerá das existencias dispoñibles. As camisetas serán enviadas polos medios dispoñibles ós gañadores. Para o sorteo, cada usuario terá un número consecutivo correspondente coa primeira imaxe presentada ó concurso. Para escoller os gañadores das camisetas collerase o número de visitas diarias da Galipedia dende o primeiro día da votación e dividirase por 7 de forma consecutiva ata que coincida cun dos números asignados ós participantes. Se o número non coincide co de ningún usuario, volverá dividirse o número de visitas por 5, de continuar sen atoparse coincidencia dividirase por 3. En caso de non atopar coincidencia con ningún usuario, o sorteo dese día farase a xuízo dos organizadores.

En caso de que o número de participantes sexa menor que o de camisetas a sortear, non será necesario facer sorteo.

Os organizadores poranse en contacto cos premiados para xestionar a entrega do premio. Se pasados tres meses despois da finalización da escolla das fotos gañadoras, non foi posible contactar cos premiados, entenderase que renuncian ó seu agasallo e quedará deserto.

Web: https://w.wiki/52e